Nós Diário : Distopías escénicas e utopías humanas
Facer teatro é unir. Unir texto, intérpretes, luz, escenografía, figurinos, produción, técnica, público… Até conseguir unha verdade real ou unha irrealidade verdadeira”, afirma a escenógrafa Helena Calvet na presentación de Magnético, de Abel Neves, unha das pezas que do 2 ao 7 de outubro de 2023 se exhibiron no Teatro Garcia de Resende no marco do Encontro de Teatro Ibérico baixo a organización do Centro Dramático de Évora.
A cidade alentejana reuniu os traballos de compañías e diferentes profesionais procedentes de Portugal e o Estado español co-obxecto de re-impulsar o encontro iniciado en 2003 en colaboración co Instituto Internacional do Teatro do Mediterráneo e repensar conxuntamente o seu futuro inmediato. Teatro das Beiras, a Escola da Noite, Quinta Parede, Tranvía Teatro, Teatro Guirigai, Teatro em Curso e o propio CENDREV foron as estruturas que exhibiron as súas propostas que serviron para encetar o diálogo entre creadoras, fomentar a partilla de procesos creativos e analizar as tendencias do teatro actual.
Conscientes de que ningunha escolla é inocente, a organización apostou por un formato de debate libre que propiciou o intercambio de experiencias e permitiu detectar as primeiras necesidades. Entre elas destacou a importancia de manter a presenza das compañías que presentan os seus espectáculos ao longo de todo o encontro, a necesidade de articular os debates diarios sobre un aspecto concreto do oficio teatral, o interese por contar con representantes das diferentes especialidades das artes escénicas así como con representantes doutros campos de coñecemento para completar as conversas, a relevancia de pensar a identidade ibérica como elemento nuclear do encontro e a importancia de que os espectáculos seleccionados representen a diversidade lingüística da península.
Con estes estímulos, a dramaturga comezou a formular un pequeno desexo que agora escribe a modo de preguntas. Sería posible pensar no Encontro de Teatro Ibérico como un lugar para o intercambio e difusión da dramaturxia ibérica viva? Sería posible crear no seu marco un espazo para facilitar o encontro de autoría de diferentes puntos da península, ligados ou non ás compañías convidadas de cada edición, para participar nos debates e asistir aos espectáculos? Sería posible convidalos a desenvolver unha peza breve durante a súa estadía ou presentar un proxecto en proceso para que poida ser contrastado cos profesionais e co público presente? Sería posible promover a súa? Sería posible iniciar con estas experiencias iniciar novos proxectos entre persoas descoñecidas? Sería posible incitar a colaboración con colectivos de dramaturxia que traballan nesta liña para ampliar a rede ibérica? Sería posible, a través desta acción, ter maior coñecemento da realidade, a singularidade e os denominadores comúns de cada territorio?
Coincidindo coa Capital Europea da Cultura para Évora 2027, catro anos son os que agora se marca o Encontro de Teatro Ibérico para seguir afinando as súas propostas, desenvolvendo metodoloxías, diversificando o abano de estéticas e procedencias das compañías até consolidar un espazo de encontro que mire de forma determinada o feito escénico e que, como indica o autor de Magnético, “permita crear as utopías que necesitamos a partir das distopías que se xeran na escena”. Para iso, non hai mellor ferramenta que a pregunta. Verbalicemos entón un: “Sería posible?” E comecemos a camiñar.
Vanesa Sotelo
in:Nós Diário, 29 de setembro, 2023